sábado, 25 de agosto de 2012

Ruta da auga (Ames)


Ruta da auga (Ames) by amaianos
Ruta da auga (Ames), a photo by amaianos on Flickr.


  • Sendeiro: circular
  • Distancia: 7 quilómetros
  • Duración estimada: 2.30 horas
  • Desnivel máximo: 260 metros
  • Altitude: de 90 a 350 metros
  • Dificultade: media
  • Cartografía: folla 94-IV Santiago (mapa topográfico nacional 1:25.000)
 Comézase o percorrido ao pé do muíño restaurado de Vilar a 90 metros de altitude, aproximadamente. Seguindo os postes indicativos, ascéndese por un vello camiño á esquerda ata chegar a unha pista forestal. De seguido, chégase ao primeiro dos muíños, o muíño de Ortoño, o único que queda á beira dereita do regato de Riamonte.

Crúzase o regato por unha pontella e déixase á esquerda. O camiño segue por un tramo de bosque de ribeira, entre freixos e ameneiros, que descobren o resto dos muíños: o Novo, o da Xustiza, o da Pedra... ata chegar ao muíño de Arriba de Todo. Dez muíños en 500 metros, entre pozas e pequenas fervenzas, que manteñen o seu misterio de tradicións e historias.

Os muíños de Riamonte moían todo o verán coas augas que se estancaban no pozo, mentres noutros lugares escaseaba a auga e interrompían o traballo. Forman parte dunha forma de vida comunitaria, na que os veciños tiñan cadansúa obriga, dende a apertura do pozo, dereito outorgado ao levador do Muíño Vello, ata a picadura das pedras de moer ou o mantemento de paredes e tellados.

Despois de dous quilómetros de percorrido, ao remate deste camiño entre a fraga, sóbese por unha pista ata chegar ao Pozo de Riamonte, o lugar onde se represaba a auga para o funcionamento dos muíños. Unha pista forestal conduce dende o pozo ata a estrada que comunica Castelo con Cortegada. Despois de 20 metros por esta estrada, tómase outra pista sinalizada á dereita, en constante subida entre plantacións de eucaliptos, ata chegar ao punto máis alto do percorrido, na metade do traxecto. Trátase do Miradoiro do Monte de San Marcos, situado a 343 metros de altitude. Dende aquí, pódese contemplar unha magnífica panorámica do val do río Sar e de toda a comarca. En 200 metros chégase ás ruínas da Ermida de San Marcos, a carón dun posible asentamento dunha torre de vixiancia medieval.

A volta faise en continuo descenso, seguindo as marcas dos postes de madeira que axudan a guiar o camiño, alternando entre monte baixo de toxo e eucaliptal, rodeando a ladeira do Monte de San Marcos polo sur primeiro e logo polo oeste.

Os últimos dous quilómetros volven achegarse preto do regato de Riamonte e do bosque de ribeira para rematar, despois de cruzar a ponte, no mesmo lugar onde principiou o camiño.

No hay comentarios: